Notas de prensa

Economía e Industria reitera o seu compromiso coa viabilidade de Montoto
O conselleiro Javier Guerra avanza en Lalín que un grupo galego vinculado ao sector téxtil podería estar interesado en facerse cargo de Géneros de Punto Montoto. O obxectivo último é garantir a continuidade de Montoto e defender os seus máis de 100 postos de traballo.

O conselleiro de Economía e Industria avanzou en Lalín que un grupo empresarial galego do sector téxtil podería estar interesado en facerse cargo da empresa Montoto. Javier Guerra afirmou que este grupo contaría co respaldo da Xunta, “porque o obxectivo último é apoiar a viabilidade da empresa e defender os postos de traballo dos máis de 100 empregados dos que dispón a firma lalinense”. Javier Guerra fixo estas declaracións logo de manter un encontro cos representantes dos traballadores, e despois de anunciar que o plan de viabilidade e negocio posto en marcha pola empresa está moi lonxe de cumprir as expectativas, “polo que nos adiantamos aos problemas, e coa colaboración dos traballadores e da propiedade, tomamos a iniciativa e buscamos solucións para sacar adiante á empresa e aos traballadores e garantir a continuidade e o futuro da firma”. O conselleiro de Economía e Industria informou que, próximamente, técnicos deste grupo empresarial galego e do sector téxtil visitarán as instalacións que o grupo Montoto ten en Lalín para analizar polo miúdo a situación interna da firma, co obxectivo de comprobar as condicións reais nas que se atopa. Javier Guerra apuntou que este grupo contaría co respaldo da Consellería de Economía e Industria “porque o Goberno da Xunta de Galicia vai defender os postos de traballo e a consecución dun grupo empresarial máis forte e competitivo”. Javier Guerra sinalou, nas súas declaracións ante os medios, que a Xunta é parte da solución e non do problema para garantir o futuro da empresa. O conselleiro de Economía e Industria apuntou tamén que o Goberno da Xunta ten acordado importantes axudas para Montoto, a través de avais e préstamos participativos. Constituída en 1983, como cristalización das actividades empresariais que viña desenvolvendo Fidel Montoto desde 1954, Generos de Punto Montoto dedícase á fabricación de prendas exteriores. Con domicilio social en Lalín (Pontevedra), onde dispón de instalacións produtivas que suman máis de 22.000 metros cadrados, a empresa está internacionalizada e dispón tamén de instalacións industriais de máis de 6.000 metros cadrados en Pleven, Bulgaria.

Notas de prensa de moda